A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-190 ao seu paso polo lugar dos Regos, no concello de Oleiros.
A intervención, que foi adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Candal, S.L., conta cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros. As obras comezarán nas vindeiras semanas e terán un prazo de execución estimado de 2 meses.
Os traballos centraranse na execución dunha cuneta de seguridade no treito da marxe dereita da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 1+390 e 1+770, e na marxe esquerda conectará coa cuneta existente no quilómetro 1+620.
A estrada AC-190 ao seu paso polo lugar dos Regos dispón de cunetas profundas en terra en ambas as marxes. Co fin de mellorar a seguridade viaria e evitar perdas de material nas cunetas polo discorrer da auga, proxéctase esta actuación neste treito da estrada no que o trazado é máis sinuoso.
As obras inclúen os traballos de escavación e recheo en cuneta mediante chan seleccionado e zahorra artificial, así como a execución de cuneta triangular en formigón de seguridade, remontable, de 1,5 e 2 metros de ancho, en función do punto. Tamén se realizarán tarefas de canalización de pluviais.
