A Deputación da Coruña financia con 30.764 euros as obras de renovación da cuberta do patio do punto de atención á infancia de Laxe. As obras, en fase de licitación ata o 16 de setembro na Plataforma de Contratación do Sector Público, están financiadas ao 100% con fondos do Plan Único.
O centro, localizado no centro urbano de Laxe, é unha antiga escola unitaria transformada no seu día en edificio de servizos múltiples. Unha das antigas aulas foi adaptada para servir como punto de atención a infancia, tamén co apoio económico da Deputación.
A edificación conta cun patio exterior cuberto onde os pequenos saen ao recreo e desenvolven actividades ao aire libre, pero a actual cuberta presenta un notable deterioro polo que será substituída por unha completamente nova de panel de aceiro galvanizado e illamento de poliuretano. Repararanse todos os elementos estruturais que forman parte da cuberta, instalaranse novos canalóns de PVC e baixantes e, finalmente, procederase ao seu pintado.
