Obras na Ponte Ceilán, entre Noia e Outes, fará necesario o corte dun carril este luns e martes

A execución das obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao paso polos concellos de Noia e de Outes, fará necesario habilitar un corte de carril dende este luns e o martes. 

Co obxectivo de seguir avanzando nestes traballos iniciados en setembro e retirar agora os antigos báculos de alumeado para continuar logo co cableado, é preciso efectuar este corte de carril. 

Para facilitar a mobilidade dos usuarios da estrada, haberá tráfico alternativo regulado con sinais, entre as 9 e as 20 horas do luns e do martes. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actúa nesta ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co fin de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova. 

A varanda virá xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido. 

Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores. 

Ademais, procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.  

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha