- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, presentaron o protocolo coas medidas preventivas para a xornada electoral do próximo 12 de xullo.
Os votantes que acudan a un local electoral o próximo 12 de xullo deberán levar unha máscara e hixienizar as mans antes de facer entrega do seu voto e do seu documento de identidade. Do mesmo xeito, os membros das mesas tamén deberán levar máscara e hixienizar de forma frecuente as súas mans. Para facilitar o cumprimento destas obrigas, a Xunta facilitará o material de protección e produtos necesarios, que estarán a disposición dos galegos e galegas nos locais electorais.
Estas son algunhas das medidas que se incluirán no Protocolo de medidas preventivas elaborado para que a xornada do 12 de xullo se desenvolva coas máximas garantías sanitarias.
A Xunta recomenda aos membros que sexan chamados para a mesa que teñan máis de 65 anos ou pertenzan a grupos especialmente vulnerables que aleguen estas circunstancias ante a xunta electoral correspondente no prazo previsto de sete días logo de que sexan notificados.