Obrigatorio comunicar os datos de contacto ao entrar en Galicia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia desde zonas nas que exista unha “incidencia epidemiolóxica alta” deberá notificar “con carácter obrigatorio” os seus datos de contacto.

Os viaxeiros terán un prazo de 24 horas para achegar esta información da que poderán dar conta a través dun formulario electrónico nunha páxina web habilitada para tal fin ou ben mediante unha chamada telefónica.

Na súa reunión deste xoves, o Executivo autonómico deu luz verde a un decreto neste sentido, no que se indica que “todos os viaxeiros que cheguen a Galicia procedentes doutras comunidades autónomas ou outras nacións” nas que haxa focos de Covid-19, deberán notificar o lugar no que se aloxarán e o tempo que prevén estar.

“Pedímolo con carácter obrigatorio”, remarcou o mandatario autonómico, que explicou na súa comparecencia ante os medios que esta petición se estende tanto a visitantes doutros puntos, “que son ben recibidos”, como a galegos “que leven catorce días noutros lugares”.

O Servizo Galego de Saúde colgará a próxima semana os lugares que se consideran de alta incidencia. A listaxe actualizarase, previsiblemente, de forma quincenal. Os aloxamentos turísticos e as compañías de transporte -aéreas, marítimas ou terrestres- deberán informar deste requisito.

O obxectivo, explicou o presidente da Xunta, é facilitar un “diagnóstico precoz” de forma que se existisen síntomas poderíase realizar unha PCR e, se fose necesario, illar á persoa infectada. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha