Este domingo ás 17:00 horas disputouse en As Eiroas o partido correspondente á quinta xornada da Segunda Fase de Terceira División, que enfrontou ao Bergantiños FC e ao Arousa SC. O Bergantiños chegaba ao encontro invicto na casa nesta Fase e con ganas de recuperar puntos tras perder o seu anterior partido a domicilio contra o Alondras por un marcador de 2-1. Cheo de forza e de moral chegaba o Arousa a Carballo, viña de gañar os seus dous últimos partidos por 2-1 e 0-1, o primeiro ante o Polvorín no seu estadio e o segundo contra o Somozas fóra da casa. Non era un partido máis, o Bergantiños xogábase matematicamente o ascenso a Segunda RFEF, a vitoria sería, era o desexable, pero un empate sería suficiente. O partido comezou moi igualado en xogo en Bértoa, pero unha boa xogada do Bergantiños materializouse en gol de cabeza por parte de Pablo Agulló, era o 1-0 no minuto 15 e todo comezaba a pintar moi ben para o conxunto local que dirixe José Luis Lemos Ameneiro. Pouco durou a alegría na casa do Bergantiños, o Arousa empataba sete minutos máis tarde, concretamente no 22, por mediación de Kilian Villaverde, 1-1, resultado co que se pasaría por vestiarios no minuto 48. Na segunda parte decaeu o ritmo de xogo e os dous equipos semellaban máis respecto mútuo. No minuto 58 unha moi boa recuperación do Bergantiños no seu propio campo por parte de Vela, cedeulle medio gol co seu centro a Diego Uzal que rematou á rede marcando un golazo como colofón dunha xogada de libro, 2-1. A partir dese momento comezaban os problemas para o Arousa, lesión de Alberto Campillo no minuto 60, expulsión de Pedro García por vermella directa tras unha forte entrada sobre Martín Lamelas no minuto 67. Cun xogador menos no campo, movía o banco o adestrador do Arousa, Rafa Sáez, cun triplo cambio, entraba Fajardo, Pillado e Julio Rey. Aguantou confiado o resultado e o dominio o Bergantiños ata o minuto 94, onde As Eiroas converteuse nunha festa, tras cumprirse o obxectivo que se marcou o conxunto carballés a principio de tempada. A próxima xogará na Segunda División RFEF de España, a cuarta categoría do sistema de ligas de fútbol do país desde este ano 2021.


