O centro de adestramento de tanques Leopard de Świetoszów, Polonia, opera estes días a pleno rendemento. Alí están a ser postos a punto os famosos carros de combate alemáns. Ucraína espera recibir ata 140 tanques na primeira onda de entregas dos seus aliados occidentais, a inmensa maioría deles Leopard 2.
Pero o certo é que Ucraína quere máis, ata o punto de solicitar formalmente cazas F-16 para facer fronte con eles ás forzas aéreas rusas. Como ocorreu cos Leopard durante meses, a entrega dos avións, de momento, non se contempla.
En Riga, os ministros de Asuntos Exteriores das repúblicas bálticas e de Polonia mostráronse pola súa banda a favor da petición ucraína: «Necesitan caza, mísiles e tanques e hai que actuar», informaban desde o lado estoniano.
Desde Estados Unidos, pola súa banda, precaución nas palabras: «imos falar», dixo o presidente Joe Biden á prensa ao ser preguntado sobre as novas peticións do seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelenski. Ata o de agora, tanto Washington como Londres negáronse a entregar F-16 a Kiev, e non se espera que esa postura cambie da noite para a mañá.