Xa non chega con que o Goberno central transfira de xeito inmediato os fondos que debe ás comunidades autónomas (un total de 7.200 millóns, 700 no caso de Galicia), algo que o Executivo di non poder facer en funcións. Este mércores, despois de que o Goberno de Pedro Sánchez airease un informe que encargou á Avogacía do Estado para avalar o seu criterio contrario ao desbloqueo dos fondos, documento cualificado xa polo PP como “fake”, os principais baróns populares, entre eles Feijóo, foron un paso máis alá e de xeito coordinado reclamaron a reunión “inmediata” do Consello de Política Fiscal e Financeira, que reúne ás comunidades co Goberno central para consensuar o financiamento autonómico. A petición do encontro prodúcese tras anos de parálise na reforma do actual modelo por parte dos executivos de Mariano Rajoy. A postura do Goberno central contraria ao traspaso deses fondos vén de ser avalada por un informe encargado á Avogacía do Estado, publicado este mércores por El País, que provocou a reacción coordinada dos principais baróns populares.
43