A Xunta acaba de iniciar a análise para a adxudicación dunha parcela do parque empresarial de Carballo que abarca unha superficie de case 2.000 m2.
O pasado 30 de marzo pechou o prazo para a presentación de propostas para a adquisición de solo empresarial neste polígono no marco do concurso convocado en febreiro, polo que agora o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a analizar a oferta presentada. A parcela pola que existe interese suporá un investimento de 90.078 euros, xa aplicada a bonificación do 50%.
No que respecta ao conxunto de Galicia, recibíronse ofertas para adquirir 22 parcelas en 6 parques empresariais, que suman un total de máis de 66.000 m2 e implicarían unha venda por valor de 5 millóns de euros unha vez aplicados os incentivos.
Cómpre lembrar que no concurso deste ano dispuxéronse catro modalidades de compra das parcelas: adxudicación con prezo bonificado, en dereito de superficie, en alugueiro e en compravenda con pago aprazado, esta última por primeira vez.
Tras a formalización dos contratos de adxudicación do concurso, o solo dispoñible no polígono de Carballo e no resto de parques poderá adquirirse nas mesmas condicións da última convocatoria deste procedemento.
