Oficializada a declaración BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán

1 minutes read

O Diario Oficial de Galicia publicou o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que supón o recoñecemento do valor cultural e a protección e salvagarda dun total de 10.855 volumes, dos que 7.883 están custodiados na sede da Real Academia Galega e preto de 2.972 no interior de Meirás.

Á hora de acreditar este recoñecemento, o decreto de declaración BIC constata a “singularidade e carácter único” das pezas. Califícase como unha “colección esencial” tanto por ser unha biblioteca creada pola propia autora, un dos grandes referentes da creación e a intelectualidade da súa época, como por ser froito das súas relacións cos seus contemporáneos. Valórase tamén o “especial valor cultural” da colección, como testemuña dun período histórico, ao ser un patrimonio material que contribuiría ao coñecemento sobre esta etapa da historia cultural de Galicia.

Do mesmo xeito, o decreto salienta o valor dos volumes. A grande maioría son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a Pardo Bazán, e abranguen literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación de literatura galega. Ademais, a existencia de subliñados e anotacións nas marxes coa letra da autora e outros elementos como ex libris e dedicatorias personalizadas convérteos en únicos.