Oito concellos coruñeses incorpóranse á Rede Galega de Parques sen Fume

1 minutes read

Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, perséguese o obxectivo de crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas. Neste sentido, este programa, que se acaba de por en marcha, é un fillo directo doutra iniciativa de éxito como é o Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco. En concreto, na provincia da Coruña, son 27 concellos e 82 praias. Segundo Saúde Pública, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.