As imaxes dun vídeo subido ás redes sociais hai un par de semanas fíxeronse virais. Nelas vese como o condutor alcanza os 201 quilómetros por hora nun tramo entre A Bugalleira e o polígono industrial de Tella, en Ponteceso, limitado a 80.
Ás dez da mañá deste martes, o mozo que conducía o vehículo, chegaba ao xulgado número 2 de Carballo acompañado polo seu avogado. Alí someteuse a un xuízo rápido ás 11.
Previamente, os axentes do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico xa lle requisaran o coche no que levou a cabo estas prácticas, un Nissan GT-R.
O xuízo rematou co acordo entre as dúas partes, polo que o condutor terá que afrontar unha multa de 480 euros e a retirada do carné durante oito meses por un delito contra a seguridade viaria na súa modalidade de condución con velocidade excesiva.