Sete persoas feridas e unha falecida nun atropelo múltiple no campo da festa de Burela

1 minutes read

Segundo fontes locais, un vehículo, conducido por un home de avanzada idade, duns 80 anos, entrou no recinto a unha velocidade moi elevada, e, por causas que se investigan, levou por diante ás oito persoas preto das catro da tarde deste venres.

Fontes hospitalarias confirmaron que unha das feridas se atopaba con prognóstico reservado debido á gravidade das lesións, que finalmente terminou falecendo, e as outras sete estaban graves con fracturas en distintas partes do corpo. A falecida foi unha muller que sufriu traumatismo craneoencefálico grave e amputación dunha perna, e que entrou en parada no hospital.

Segundo se puido saber, os feridos pertencen ao colectivo ‘Eu Son’, unha fundación sen ánimo de lucro que se dedica á protección das persoas con discapacidade intelectual. Ao parecer estaban facendo unhas fotos a carón da pista dos coches de choque.

O condutor que produciu o atropelo quedou custodiado polas forzas da seguridade, e nun primeiro momento non precisou asistencia sanitaria. Deu negativo nas probas de alcoholemia. As primeiras hipóteses apuntan a un accidente, e non se descarta que o home sufrira unha indisposición que lle fixo perder o control do vehículo.