Despois de anos de demora, o Goberno central sacou a contratación a obra de dragado da ría da Pasaxe por importe de 48,5 millóns de euros. O prazo de presentación de ofertas finalizará en marzo e unha vez que comece a obra está previsto que se realice en 26 meses.Con esta actuación, ademais, prolongarase o paseo da ría desde Beiramar ata o linde co Concello de Cambre e vaise recuperar a ría para o baño.
“Despois do inicio da obra do túnel de Sol y Mar, esta é outra magnífica noticia. Despois de máis de 20 anos de loita de moitos colectivos para lograr a rexeneración da ría, por fin sae a contratación. Temos que felicitarnos todos e todas por lograr esta importante mellora para o benestar do conxunto dos cidadáns da comarca”, dixo o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane.