Oleiros | En marcha a XXVI Mostra de Alfaroleiros

O inicio da feira de olería estivo marcado pola intervención de Sol María Vázquez Abeal, directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia ; e máis do Alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. O alcalde animou á poboación a participar activamente da feira de olería popular máis importante da península, gozar das formas, da arte, da cultura e de todas actividades propostas. Neste acto inaugural lembrou tamén a figura de José Mª Kaydeda, impulsor e artífice da celebración da feira e do Museo Os Oleiros, que neste 2020 cumpriría 100 anos. O acto de inauguración finalizou co desexo por parte do goberno municipal de que, a pesar da situación provocada pola pandemia COVID-19, a feira de oleiría Alfaroleiros sexa un fito para a reactivación do ámbito económico e cultural no municipio.

Neste encontro haberá demostracións e venda de produtos de 23 expositores do oficio da olería e cerámica de Galicia e de distintos puntos de España e Portugal. Sete deles representan ás catro provincias galegas: José Vázquez Vázquez, olería de Niñodaguia, Xunqueira de Espadañedo e María del Carmen Doval da olería de Batán en Ourense; Aparicio Añón Caamaño e José Antonio Añón Lista, olería de Buño (Malpica) e o ceramista José Juan Unzueta Olalde de Brión (A Coruña); María Otilia Arias García, olería de Gundivós, Sober (Lugo) e Alejandro Añón Gil de Salvaterra do Miño (Pontevedra). O resto dos participantes proveñen de Portugal e doutros puntos do país (Toledo, Castellón, Xaén, Granada, Córdoba, Salamanca, Segovia, A Rioxa, Cáceres, Zamora e Badajoz).

O programa inclúe tamén obradoiros de artesanía, xogos tradicionais para os máis cativos, proxección de películas e espectáculos de circo, teatro e maxia. Haberá actuacións musicais
dirixidas a todos os públicos.

Cómpre destacar a contribución desta feira á conservación dos oficios artesanais tradicionais. A recuperación, o mantemento e a divulgación deste oficios constitúe unha ferramenta de dinamización social e de divulgación da cultura galega, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan ao sector artesanal galego.