O Boletín Oficial da Provincia publicou o anuncio de pago dos depósitos previos correspondentes ás expropiacións dos terreos necesarios para acometer a construción dunha rotonda, que substituirá o perigoso cruce da Chasqueira (Iñás-Oleiros), onde se produce a intersección da estrada provincial DP 1707 Oleiros-Pravio e a vía de titularidade autonómica AC-211 San Pedro de Nós-Mabegondo, e que supón un punto negro de tráfico debido á escasa visibilidade desta e ao elevado volume de tráfico que rexistra, pois comunica Oleiros, Culleredo, Cambre e Abegondo.
A Deputación da Coruña destina 64.000 euros euros a estas expropiacións, que se suman ao orzamento de 579.089 euros para a execución das obras, co que o investimento total acadará os 643.000 euros.
As obras consistirán na construción dunha rotonda que substituirá ao cruce actual e regulará con maior seguridade o tráfico nesta intersección, pola que circulan, segundo os datos do servizo de Vías e Obras da institución provincial, unha media de 3.381 vehículos ao día, dos que un 7% son vehículos pesados. Os ramais sur e norte da rotonda desembocarán na DP 1707 e os do este e oeste na AC-211 da Xunta de Galicia, conectando as avenidas Salvador Allende e Espoz y Mina á localidade oleirense. As obras suporán ademais unha lixeira mellora do trazado da DP 1707, que conta cunha pendente lonxitudinal elevada.
