Oleiros ofrecerá en novembro un curso de manexo de móbiles para maiores de 60 anos

1 minutes read

Está aberto o prazo de inscrición para un curso de manexo de móbiles de 30 horas dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no Concello de Oleiros. A oferta deste obradoiro está enmarcada dentro do programa de “Alfabetización dixital” organizado desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.

Nestes cursos aprenderase de forma práctica, amena e guiada a utilizar e aproveitar as posibilidades que ofrecen os smartphones, proporcionando benestar persoal, ocupando o tempo de lecer e a súa relación co entorno. A persoa participante desenvolverá habilidades básicas no manexo de móbiles, aplicando as novas tecnoloxías á súa vida, axeitándoas ás súas necesidades e desenvolvendo a capacidade de seguir aprendendo por si mesmo.

As inscricións serán a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites en liña, ata as 20:00 horas do 22 de outubro. Para calquera aclaración, as persoas interesadas poden poñerse en contacto con Servizos Sociais e Igualdade.