A nova infraestrutura situarase ao carón das pistas do INEF e da estrada AC-173, na avenida Ernesto Che Guevara da localidade oleirense, entre a praia de Bastiagueiro e o parque de Liáns e solucionará a falta de instalacións deportivas aptas para o desenvolvemento deste deporte, fortemente consolidado en Oleiros, que conta cun club que participa de maneira habitual en diferentes competicións autonómicas, nacionais e incluso internacionais.
A nova pista contará con 200 metros de corda interior e 6 metros de ancho, con acabado en microaglomerado e acondicionamento do recinto interior da mesma para zona multiusos e zona de escape dos patinadores/as. A lonxitude das dúas rectas representará o 55% da lonxitude da pista, mentres que as curvas representarán o 45% restante. A obra será cofinanciada polo Concello e a Deputación da Coruña.