«Olimpíadas Paranimais» a beneficio da protectora de animais de Carballo

1 minutes read
  • O evento celebrarase este domingo 12 ás 17:00 horas no Casino 1889

Esta fin de semana haberá unha competición moi divertida e sá onde os gañadores serán os animais que se atopan na protectora de Carballo. Este domingo 12, ás 17:00 horas, no Casino 1889 terán lugar as Olimpíadas Paranimais.

Carrexar espigas de millo coa boca, levar cestos cargados de mercancías perigosas, probar coñecementos sobre temas interesantes, seguir o rastro das fabas ou comer culleradas de chocolate cos ollos pechados son algunhas das probas ás que se enfrontarán diversos equipos.

Para participar é preciso formar un equipo de 6 persoas, poñerlle un nome dunha raza de cans e enviar todos os datos canto antes a kalaicoi@hotmail.com ou a través da páxina de facebook do Casino 1889.

A participación e o acceso a esta singular actividade é totalmente de balde. Non se trata de recadar diñeiro senón materiais como pienso, pipetas, produtos de limpeza, mantas ou toallas que irán destinados á protectora carballesa.