Open Arms pediu a evacuación urxente e inmediata de todas as persoas a bordo este venres ao atoparse, denuncia, nunha situación de emerxencia humanitaria insostible.
«As condicións psicofísicas de adultos e menores son críticas e a súa seguridade é moi preocupante», denuncia a ONG española, nun tuit que acompaña cun informe que analiza as condicións psicolóxicas dos migrantes que levan 14 días a bordo.
O comunicado da ONG italiana Emergency asegura que se atopan nunha condición de extrema vulnerabilidade física e psicolóxica, produto das traumáticas experiencias pasadas que viviron antes de chegar ao barco e agravada polos niveis de tensións e inseguridade vividos a bordo.
Os trastornos psicolóxicos son principalmente de tipo ansioso e depresivo, engade o informe, que especifica que están a experimentar insomnio, episodios de desesperación, dores musculares, preocupación constante, sensación de perigo inminente e que mesmo algúns están a pensar autolesionarse.
Antes de que fose emitido este comunicado, tres persoas foran trasladadas á illa italiana por razóns médicas xunto a un acompañante, nunha nova evacuación tras as 9 persoas do día anterior.
A nave atópase apenas 1 quilómetro de distancia da illa italiana de Lampedusa, pero o futuro é incerto para os máis de 130 migrantes a bordo durante 14 días despois de ser rescatados.
Fonte: Euronews