A Garda Civil detivo a unha organización criminal asentada na provincia da Coruña, vinculada cunha organización internacional dedicada ás estafas bancarias utilizando a metodoloxía coñecida como “SIM Swapping” -consiste en obter as claves de acceso á banca en liña das vítimas a través de técnicas como o phishing, malware ou pharming, unha vez obtidas duplicaban a tarxeta telefónica da vítima para recibir os códigos de verificación das transferencias para realizar, perdendo desta forma o control total da súa liña telefónica e das súas contas bancarias-. Ademais pedían préstamos bancarios con cantidades maiores de diñeiro.
O equipo de Estafas Telemáticas da Coruña e Carballo iniciou as investigacións en febreiro do ano pasado por mor dunha serie de estafas utilizando como método o duplicado de tarxetas SIM dos prexudicados. A operación, denominada pola Garda Civil como -Albor- finalizou coa detención de 8 persoas na Coruña, Arteixo, Ferrol, Miño, Carballo, Camariñas e Malpica. Un dos detidos natural de Camariñas, realizaba as funcións de xefe de Grupo, captaba tanto ás persoas que realizaban os duplicados das tarxetas SIM das vítimas, como a quen exercía a función de “mulero”, recibían o diñeiro defraudado en contas bancarias, facíano efectivo en caixeiros automáticos ou directamente en caixa para posteriormente remitilo ao contacto da organización cobrando por iso unha pequena cantidade de diñeiro de comisión.
A maioría dos detidos contan con antecedentes policiais por feitos similares, que foron postas, xunto coas actuacións realizadas, ao dispor do Xulgado de Instrución de garda da Coruña, significando que os participantes de maior implicación xa foron detidos anteriormente por unha operación co mesmo modus operandi.