A illa de Ons acolle durante toda esta fin de semana aos primeiros 10 participantes no novo programa de voluntariado ambiental de carácter interxeracional, impulsado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social. De venres a domingo, os voluntarios participan en todo tipo de actividades ao aire libre e baixo a dirección e supervisión dos técnicos do propio Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
Entre as accións programadas cómpre subliñar a eliminación de especies alóctonas, como a acacia ou as calas (especies vexetais invasoras presentes na illa); a limpeza das praias de Liñeiros e Cova de Vella e dos sistemas dunares de Melide e Canexol; a realización de tarefas de mantemento e adecuación de camiños e sinais; o apoio nas de tarefas de guía e información; ou a reforestación con especies autóctonas.
Os 10 participantes pasarán tres días na propia illa, para o que se aloxarán nunha das vivendas que ten en propiedade o Parque Nacional.
Esta é a primeira das dúas quendas de voluntariado medioambiental que se desenvolverán en Ons –a segunda está prevista para a fin de semana do 24 ao 26 de setembro no marco deste novo programa, que dá continuidade ao proxecto iniciado en 2017 entre ambos departamentos autonómicos a través do chamado Proxecto Lewo.