Operación Retorno | O 061 lembra a importancia da colaboración cidadá nos accidentes de tráfico

2 minutes read

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, lembra a importancia da colaboración cidadá no caso de sufrir ou ser testemuña dun accidente do tráfico ante unha nova Operación Retorno do verán, na que se estima un aumento da circulación de vehículos nas estradas.

Así, desde o servizo público galego de atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias aconséllase ter en conta as seguintes medidas, no caso de atoparse cun sinistro de tráfico, xa que a axeitada colaboración cidadá pode salvar moitas vidas e evitar lesións moi graves das persoas feridas.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, aparque o vehículo nun sitio seguro, afastado do accidente, e prenda as luces de emerxencia. Nunca poña en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender aos accidentados, adopte as medidas de seguridade axeitadas, xa que de nada serviría aumentar o número de vítimas.

Utilice roupa reflectante de alta visibilidade e sinalice o lugar do accidente utilizando os triángulos de sinalización ou as luces de emerxencia regulamentarios.

Chame canto antes ao 061. Os profesionais médicos da Central de Coordinación indicaranlle que facer e como actuar ante os posibles feridos, ao tempo que os recursos asistenciais do servizo de urxencias se desprazan ata o punto do sinistro.

Lembre que a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, Canto máis datos se lle dean, máis se axudará ao servizo de atención ás urxencias sanitarias na súa tarefa. É necesario facilitar o emprazamento exacto e correcto do lugar do accidente e o estado dos feridos para que se poidan enviar os recursos sanitarios necesarios que dependerán da gravidade do sinistro.

Así mesmo, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Por último, apague as luces e retire as chaves do vehículo sinistrado, considere ademais a existencia de perigos engadidos como poden ser o derrame de substancias perigosas, incendios e cables eléctricos, entre outros.