Ordes, Oroso, Tordoia e Cerceda terán a primeira Vía Verde da provincia da Coruña


As obras, que contan co apoio da Deputación, comezarán en 2021 e pretenden converter os 36,5 quilómetros da antiga liña ferroviaria entre Santiago e Cerceda na primeira Vía Verde da provincia e a de maior extensión de Galicia, creando un equipamento para camiñar ou andar en bici “que terá unha importante repercusión turística e socioeconómica para estes concellos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que a idea da Vía Verde “comezou a xestarse hai máis dunha década e esperamos facela por fin realidade neste mandato”. A Vía Verde enmárcase na aposta de promover un novo modelo de mobilidade sostible e eficiente na provincia da Coruña contribuíndo á vertebración de distintos núcleos rurais, recuperando a vella rede ferroviaria abandonada para darlle unha nova dimensión, máis ecolóxica e sostible.