- O documento que presentaron recolle 25 prioridades básicas, entre elas, que a Xunta de Galicia destine o 0,5% do orzamento ás políticas específicas para a igualdade de oportunidades
Once asociacións feministas galegas trasladáronlle aos partidos políticos con representación no actual Parlamento de Galicia un documento no que levan traballando tres anos cunha serie de reivindicacións en materia de igualdade na comunidade. E fixérono de cara ás eleccións do 5A. Con esta iniciativa vaise dar continuidade á campaña iniciada no 2016 “Se non conto, non te voto”.
Este mércores na comparencia ante os medios na Casa de Cultura Xohana Torres de Santiago de Compostela, Rosa Arcos, presidenta de Fademur, explicou que o seu obxectivo é que «a seguinte lexislatura ten que ser a lexislatura das mulleres».
O documento recolle 25 prioridades básicas entre a que destacan a petición de que o futuro goberno da Xunta de Galicia destine o 0,5% do orzamento ás políticas específicas para a igualdade de oportunidades e que se cree unha Consellería de Igualdade entre Mulleres e Homes. “Xa é o momento de que dende a Xunta de Galicia teñamos unha área de goberno específica de Igualdade”, reclaman.
Ademais, reivindican a aplicación íntegra da Lei 11/2007 de tratamento integral da violencia de xénero, que se cree unha verdadeira Rede de Centros de Atención á Muller que sexa a garantía dun servizo integral ás mulleres nos 313 concellos galegos, e que se loite contra a violencia sexual en todas as súas vertentes (pornografía, prostitución e ventres de alugueiro). Tamén queren que se elabore unha Lei abolicionista do comercio sexual e reprodutivo.
As prioridades do feminismo organizado tamén pasan por un traballo en firme na educación como ferramenta indispensable para cambiar o modelo de relacións afectivo sexuais, e previr as violencias machistas.
Os colectivos asinantes do documento son FADEMUR Galicia, Rede Galega pola Igualdade (REGAI), Foro Feminista Maruxa Mallo, Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX), Asociación Teenses pola Igualdade, Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidade Galega (APAIOGA), Asociación O Soño de Lilith, Colectivo Feminista Pontevedra, Comando Igualdade, Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo e Mulleres Viúvas Demócratas de Vigo.