Organizadas sete verbenas na fin de semana con 50 orquestras e mil persoas de pé

A Xunta anunciou a organización de sete festivais nos que actuarán 50 coñecidas orquestras galegas e que terán lugar durante esta fin de semana na Coruña, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, ademais de na área de Lugo nunha data próxima que será confirmada nos vindeiros días. Este circuíto intensivo enmárcase dentro da programación do Xacobeo 21-22, ao tempo que supón un importante reforzo da axuda económica que as empresas deste ámbito veñen recibindo por parte do Goberno galego para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e os presidentes da Asociación Galega de Orquestras (AGO), Manuel Ángel Fariña, e da Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (Asevega), Alberto Dopico, presentaron esta programación, deseñada conxuntamente durante as reunións periódicas mantidas co sector para reforzar o convenio inicial, asinado o pasado mes de xullo co obxectivo de contribuír á reactivación da actividade e ao mantemento do emprego.

Cada un dos festivais que se desenvolverá o sábado 25 en Narón e Santiago de Compostela, e o domingo 26 na Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo, ademais do que terá lugar proximamente na zona de Lugo, levaranse a cabo en emprazamentos ao aire libre, cunha capacidade máxima para 1000 persoas de pé e con división en sectores para garantir a distancia e o resto de medidas de seguridade. A entrada será gratuíta, previa reserva na web www.woutick.es, e cada unha das orquestras participantes ofrecerá cadanseu concerto duns 45 minutos de duración. No caso de non esgotarse por esta canle, as localidades dispoñibles poderán ser retiradas no propio acceso aos recintos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha