A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza varias xornadas técnicas sobre os programas sanitarios das Asociacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) e o Programa nacional de loita contra a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR).
Así, as xornadas celebraranse o día 13 de outubro no concello de Becerreá, o 14 de outubro na Fonsagrada e o 21 de outubro en Curtis. Cada unha das xornadas plantéxase con tres relatorios e unha mesa redonda. A información que se trasladará está relacionada con ámbitos tan variados como a bioseguridade nas granxas, as axudas ao desenvolvemento destes programas sanitarios, os beneficios de desenvolvelos, a súa implantación, o diagnóstico laboratorial ou os relacionados coa investigación que a Consellería do Medio Rural desenvolve con respecto a eles. Na mesa redonda, o obxectivo é, sobre todo, o intercambio de ideas e opinións e dialogar sobre as perspectivas de futuro.
Cabe sinalar que as xornadas de Becerreá e da Fonsagrada estarán orientadas á realización destes programas sanitarios nas granxas de aptitude cárnica, mentres que a que se leve a cabo en Curtis centrarase no desenvolvemento destes programas nas granxas orientadas á produción de leite.
