Organizado un dispositivo extraordinario de Protección Civil ante a vaga de lumes

1 minutes read

A Xunta porá en marcha un dispositivo extraordinario de Protección Civil para prestar a atención necesaria ás persoas desaloxadas das súas vivendas ante a vaga de lumes, ademais do apoio necesario á veciñanza. Trátase da primeira vez que se organiza un operativo destas características tendo en conta a situación extraordinaria derivada dunha situación climatolóxica anómala, e así llo trasladou o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, aos alcaldes dos concellos das provincias de Lugo e Ourense nos que se están a rexistrar os incendios, aos que solicitou a súa colaboración para trasladar á poboación os detalles deste operativo.

No marco deste dispositivo extraordinario crearanse equipos de voluntarios de Protección Civil integrados nos Postos de Mando Avanzados (PMA) da Pobra do Brollón e do Barco de Valdeorras, que contarán cun coordinador encargado de organizar os membros de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de toda a comunidade en labores de apoio e loxística.

A estes puntos deberán trasladarse as persoas desaloxadas por mor dos incendios e que precisan volver ás súas vivendas, tanto as que están aloxadas en pavillóns e lugares habilitados como en vivendas de familiares ou persoas achegadas.