A Xunta organizou esta semana unha viaxe de familiarización en colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) en Viena para dar a coñecer o Camiño do Norte en Austria a través da Revista Autoturing, no marco do apoio de promoción á Raiffeisen Reisen, o touroperador máis importante do país austríaco.
O presstrip incluíu a visita a Galicia esta semana dun dos profesionais deste medio para divulgar a marca España Norte e o Camiño do Norte. Así, entre o luns e o martes, a visita incluíu varios dos puntos que percorre esta ruta xacobea, descubrindo o patrimonio e a natureza dos concellos de Ribadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba, Sobrado dos Monxes e Lugo e rematando hoxe a viaxe en Santiago de Compostela. Entre o amplo programa de actividades, incluíronse visitas guiadas a atractivos turísticos como a illa Pancha, a Praia das Catedrais, o areal de Covas, a catedral de Mondoñedo ou Sargadelos, así como os cascos históricos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro.