A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza este mes de novembro dúas xornadas formativas sobre a situación actual, a negociación colectiva e as obrigas empresariais respecto do colectivo LGTBI. A primeira, organizada en Santiago de Compostela o próximo día 14, está dirixidas a sindicatos, empresariado e asociacións relacionadas co colectivo. A segunda, en Vigo o día 15, está aberta a toda a cidadanía.
Primeiramente, o 14 de novembro terá lugar unha xornada de oito horas de duración para persoas pertencentes aos sindicatos máis representativos, para a Confederación de Empresarios de Galicia e para persoas pertencentes ou vinculadas ás asociacións do colectivo LGTBI. De xeito presencial en Santiago -pero tamén via streaming– falarase da realidade do colectivo tratando a discriminación, a inclusión e a diversidade; da intervención dos poderes públicos e do papel dos interlocutores sociais. Tamén das obrigas e medidas das empresas, das actuacións da Inspección de Traballo e Seguridade Social, da xestión de recursos humanos e -por último- dos recursos que ofrecen as asociacións.
Mentres, a xornada do 15 de novembro está aberta a toda a cidadanía. Durante catro horas, darase a coñecer tamén neste caso a situación actual do colectivo LGTBI e as actuacións empresariais ao respecto destas persoas. Esta formación terá lugar en Vigo e tamén se poderá seguir online. Quen teña interese en inscribirse, poderá atopar toda a información na páxina correspondente.