Organizan visitas familiares ao centro de investigación forestal de Lourizán


O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de organizar diversas visitas familiares ás súas instalacións. Un grupo de 35 nenos das escolas infantís Dalila de Marín, Moaña e Cangas, acompañados dos seus pais e nais, participaron nunha sesión de contacontos sostible, onde descubriron a importancia dos bosques e a bioeconomía circular para o desenvolvemento da comunidade e do hábitat.

Durante a súa visita, as familias pasearon polo recinto de Lourizán para coñecer o seu patrimonio histórico e a riqueza do seu xardín botánico, un dos máis importantes do país con máis de 800 especies forestais. A visita incluíu consellos sobre como coidar dos bosques e precaucións para evitar posibles incendios á hora de saír ao monte.

A iniciativa combinouse cunha sesión de contacontos musical da versión máis sostible do conto dos tres porquiños, ofrecida pola Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga), na que se reescribe o tradicional relato para promocionar os bosques na loita contra o cambio climático. Baseada na nova versión do conto creada por Fearmaga ‘Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco, a sesión estivo a cargo dos contacontos Cris de Caldas e Xabi do Camiño.

Coas novas aventuras dos tres porquiños, a sesión de contacontos explica aos máis pequenos que os bosques frean o cambio climático, promoven a biodiversidade e producen madeira coa que se fabrican casas, mobles e outros produtos naturais e reciclables que substitúen ao plástico.

O convenio asinado entre o CIF de Lourizán e Fearmaga establece colaborar para organizar de maneira conxunta iniciativas de divulgación forestal, como sesións de contacontos escolares e charlas divulgativas sobre bioeconomía circular nas instalacións do centro, buscando que estas iniciativas teñan a máxima difusión.