Ortiga fusionará esta noite a verbena e os ritmos urbanos, no día da música no Gaiás


O proxecto do músico compostelán Manuel González, Chicho, que fusiona verbena galega, ritmos latinos e música urbana, será este venres 24 de xuño ás 21,00 horas no Museo Centro Gaiás, con entrada de balde ata completar capacidade, o encargado de dar a benvida ao verán.

Ortiga estará acompañado na Cidade da Cultura por varios dos seus colaboradores habituais, entre os que se contan tanto integrantes das bandas máis novas que están a soar dentro e fóra de Galicia como figuras clásicas da verbena galega. Canda o compostelán subirán ao escenario os integrantes de Boyanka Kostova, Grande Amore e Conjunto Amistá, ademais da coñecida cantante Pili Pampín, con quen Ortiga lanzou este ano a versión cumbiatune da popular canción Eu chorar, chorei.

Secuenciadores, guitarra e autotune caracterizan o son do compostelán, que no seu último traballo abre as súas influencias a outros ritmos como a salsa, o funk e ata fai algunha incursión no pop. Unha mestura que convida ao baile e a gozar da festa, como poderán comprobar as persoas que se acheguen ao Gaiás.