Os 313 concellos galegos foron notificados cos últimos cambios a introducir na Lei do solo

Foto.- Ana Varela.

Nunha carta remitida a todos os alcaldes, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explica que o obxectivo destas modificacións —introducidas a través da Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos de 2022, actualmente en trámite parlamentario— é resolver as dúbidas interpretativas xurdidas e trasladadas por parte do eido municipal desde a entrada en vigor da norma, no ano 2016.

Os cambios que se pretenden introducir na normativa urbanística son catro e comparten a finalidade de concretar e matizar cuestións que non resultan suficientemente claras coa súa redacción actual, ao tempo que se contribúe á axilización e simplificación dos trámites administrativos urbanísticos.

En concreto, a través da modificación do artigo 35 da Lei do solo preténdese potenciar o turismo no solo rústico, dentro do máximo respecto aos seus valores e cunha dobre finalidade. Por unha banda, clarifícase que a implantación neste tipo de solo dos campamentos de turismo require só do outorgamento da correspondente licenza urbanística municipal, sen necesidade de tramitar un plan especial, especificando que as obras, servizos e instalacións admisibles serán todas as que se contemplan na normativa vixente en materia de turismo.

Doutra banda, inclúense expresamente entre os usos admisibles en solo rústico as zonas especiais de acollida para autocaravanas e caravanas en tránsito, conforme ao establecido na referida normativa sectorial, para dar resposta, de forma ordenada e integrada, ao incremento da demanda deste tipo de turismo nos últimos tempos.

Así mesmo, a modificación do artigo 42.5 ten por obxecto ampliar a posibilidade legal de cambio de uso dos equipamentos públicos a outro uso dotacional público distinto mediante acordo municipal plenario, facendo extensiva esa posibilidade a todas as dotacións públicas, o que abre a porta a aplicar esta previsión a antigas infraestruturas viarias ou ferroviarias desafectadas ou a ampliar dotacións sobre espazos libres.

Esta medida pretende axilizar, en función das necesidades reais dos concellos, a implantación deste tipo de actuacións a través dun procedemento rápido e sinxelo, sen necesidade de tramitar unha modificación do planeamento urbanístico.

O terceiro cambio afecta ao artigo 70.3 e pretende facilitar e axilizar a creación do solo necesario para a implantación de usos industriais ou terciarios, a través de plans especiais, naqueles concellos que ou ben non teñen planeamento ou ben contan cun plan básico municipal, sen necesidade de que se trate de actuacións públicas.

Finalmente, coa modificación do artigo 143.3 da Lei do solo quérese axilizar a tramitación das licenzas municipais dando resposta ás diferentes interpretacións que se están a facer nos concellos no que se refire á necesidade de esixir, ou non, un proxecto completo para a súa concesión. Así e co fin de evitar calquera dúbida, establécese expresamente que será suficiente achegar o proxecto básico, en coherencia co previsto no Código Técnico da Edificación.