34 cursos de COGAMI crearon 140 empregos no 2019


Durante o ano 2019 a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) impartiu 34 cursos de formación que suman un total de 8.997 horas formativas dirixidas todas elas a persoas con discapacidade ou con incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual.

Foron un total de 411 persoas as que se formaron, 172 mulleres e 239 homes, nuns cursos que foron financiados por distintos organismos como: a Consellería de Economía, Emprego e Industria; a Consellería de Política Social; o Fondo Social Europeo; a Fundación ONCE; a Fundación La Caixa; o Ministerio de Asuntos Sociais e tamén Tempe-Grupo Inditex.

O programa de formación que cada ano desenvolve COGAMI está adaptado ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade, tendo por finalidade a adquisición de competencias para capacitar o seu desenvolvemento profesional.

Co fin de que o alumnado tome contacto co mercado laboral e co tecido empresarial, os cursos teñen habilitadas horas prácticas en empresas. Durante este ano participaron nestas prácticas un total de 240 persoas, completando así a súa formación teórica. Moitas das persoas que se forman con COGAMI é durante estas prácticas cando logran a inserción laboral. Este ano foron 140 persoas as inseridas, sendo o 43% destas mulleres.

Para o ano 2020, COGAMI xa ten planificado o plan de formación que se vai desenvolver, se ben xa hai tres cursos que iniciaron en novembro e desenvolveranse ao longo deste novo ano que está a piques de iniciar. Referímonos a un curso de actividades administrativas e relación co cliente que se desenvolve en Ferrol e aos de operacións auxiliares e servizos administrativos que se desenvolven tamén en Ferrol e Cabana de Bergantiños, participando neles 45 persoas.