Os abetos dos decorados de Nadal de Carballo teñen unha nova vida

Cedida.

Despois de trasladar ao Parque do Rego da Balsa os enormes abetos que adornaron a rúa Barcelona durante as festas de Nadal, agora completouse tamén a recolocación das árbores de menor porte que formaron parte dos decorados instalados na zona urbana. A Brigada Municipal de Xardíns plantounas en espazos axardinados de distintos barrios co obxectivo de seguir estendendo, de cara aos anos vindeiros, a decoración de Nadal por toda a vila. Os pequenos abetos forman parte xa dos parques do Chorís, A Milagrosa, O Anllóns, Praza do Outeiro (Xulgados), Alfredo Brañas e Campo da Matea (A Brea). A Brigada Municipal de Xardíns buscou os emprazamentos máis axeitados tendo en conta a envergadura que poden chegar a acadar estas árbores, aínda que a intención do Concello de Carballo é chegar a todos os barrios. Nestes momentos xa se conta con 10 novos abetos distribuídos pola parroquia de San Xoán Bautista.