Os ADL da Costa da Morte presentan as propostas para un plan de reactivación económica

1 minutes read
  • A idea do comité de traballo era analizar a situación actual e os posibles escenarios futuros

Despois dun mes de duro traballo para consolidar un plan que reactive economicamente a Costa da Morte, varios Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) da zona presentarán un paquete de medidas adaptadas precisamente para combatir as consecuencias da crise provocada pola pandemia da COVID-19.

A idea do comité de traballo organizado por varios representantes de diferentes concellos era a de analizar a situación actual e os escenarios futuros, e para iso foi necesario crear un marco de traballo aberto tanto na definición territorial como na incorporación de axentes colaboradores, tendo en conta as competencias e recursos propios.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, móstrase moi ilusionada por este proxecto e sinala que «non existe experiencia acumulada sobre como afrontar unha pandemia de semellantes dimensións nin sobre como anticiparse ao que queda por diante». Sen embargo, desde as alcaldías están dispostos a actuar, sobre todo en temas como o emprego, sanidade, a emerxencia social, a educación e a cultura.

No documento presentado pola xunta de portavoces recoñecen que «hai sectores vitais da estrutura económica dos nosos municipios que hai que recuperar: o pequeno comercio e os sectores de proximidade, as pemes, os autónomos, etc». Tamén destacan que a pesar de que as políticas activas de emprego e de rescate ás persoas son competencias doutras administracións, «os concellos poden e queren actuar inmediatamente porque, como entidades máis próximas á cidadanía, responden sempre con inmediatez e eficacia».

Para acometer este paso á acción estanse apoiando nos departamentos de Promoción Económica e nas Axencias de Desenvolvemento Local e desde as Alcaldías agradecen todo o esforzo dos profesionais e de todas as persoas que colaboraron a través das enquisas e das entrevistas persoais.