Os albergues públicos, a Catedral e a Oficina do Peregrino reabrirán o 1 de xullo

1 minutes read

A reactivación do Camiño de Santiago levarase a cabo dun xeito coordinado e progresivo. Así se concretou hoxe na reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, onde a Xunta de Galicia, a Igrexa compostelá e o Concello de Santiago acordaron compaxinar a reapertura dos albergues da rede pública, da Catedral e do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a partir do vindeiro 1 de xullo, establecendo así unha data efectiva do reinicio da peregrinación xacobea.

Declaracións do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Aínda que nestes momentos a entrada na fase 3 posibilita os desprazamentos entre as distintas provincias galegas, coincidiron en trasladar unha mensaxe de prudencia para que os peregrinos poidan planificar a súa volta ao Camiño, ao tempo que os concellos polos que discorre e as empresas e profesionais que traballan ao seu carón vaian retomando a súa actividade. Co fin de facilitar este labor, a Xunta ten en marcha iniciativas, tanto de formación como de financiamento, para acompañar no proceso de adaptación ao novo escenario.

O conselleiro confirmou, así mesmo, que os albergues da rede pública cuxa xestión dependa exclusivamente do Goberno autonómico abrirán de maneira gradual, en función da oferta de prazas de aloxamento totais nos albergues de cada concello. Trátase dunha medida suxerida desde os aloxamentos privados que foi analizada cos distintos implicados e que acadou un alto grao de consenso polo seu efecto positivo nas economías locais.

“Todos queremos que os peregrinos poidan volver pronto ao Camiño de Santiago –salientou o conselleiro– pero a prioridade absoluta é garantir a seguridade para os que percorren a ruta, e para os profesionais ou voluntarios que están presentes no seu día a día”.