- O rexedor de Carballo solicita unha atención preferente para o CEIP Fogar, no que xa se superan os 40 positivos
Este mércores representantes da Consellería de Sanidade mantiveron unha xuntanza telemática cos alcaldes dos seis concellos de Bergantiños perimetrados, así como coa alcaldesa de Vimianzo, para dar a coñecer os últimos datos sobre o coronavirus. Nestes momentos a comarca conta “coa incidencia acumulada máis alta de todas as zonas que están perimetradas», tal e como indicaron os responsables da sanidade galega, xa que a media supera os 800 casos por 100.000 habitantes.
Segundo os datos achegados na xuntanza telemática, agás en Laxe, onde hai 6 casos menos que a semana pasada, a situación está a empeorar na comarca de Bergantiños, rexistrándose en conxunto 112 casos máis que fai sete días. A tendencia á alza mantense, polo que as restricións impostas a semana pasada vanse manter polo menos ata o 4 de decembro. Estas normas retiraranse cando a incidencia acumulada en 14 días estea como mínimo en 125 casos, unha cifra que está moi lonxe nos seis concellos de Bergantiños.
Os alcaldes expresaron a súa preocupación e solicitaron da Consellería de Sanidade máis cribados entre colectivos sensibles. Evencio Ferrero, o rexedor de Carballo, destacou neste sentido a singularidade do CEIP Fogar, o colexio con maior incidencia de toda Galicia, e insistiu na necesidade de que se realice un cribado.
Ademais, este xoves comezarán a facerse novas probas en varios colectivos como o do persoal de axuda no fogar, taxistas ou funcionarios que prestan atención ao público.
Desde Sanidade apelan á responsabilidade da cidadanía, pois insisten en que o maior número de contaxios é consecuencia do incumprimento das medidas de distanciamento social en reunións familiares e de amigos.