Unha vez máis, todo o Concello de Laxe estivo sen conexión a internet nin telefonía fixa, debido a un novo fallo no servizo de Movistar–Telefónica. Segundo informaron dende o Concello, tratouse dun corte xeralizado, que non só afecta ás dependencias municipais, senón tamén á veciñanza, ás persoas autónomas e a todas as empresas da zona, provocando graves prexuízos económicos e dificultando a actividade diaria de comercios, negocios e servizos.
Esta situación repítese desde hai meses e resulta inaudito e absolutamente inaceptable que, en pleno 2026, un concello enteiro quede incomunicado sen explicacións nin solucións definitivas, subliñan.
Ante esta realidade, os alcaldes de Laxe, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños e Ponteceso asinaron e rexistraron un escrito conxunto de queixa formal ante a compañía Telefónica de España SAU esixindo unha resposta inmediata e un servizo de telecomunicacións digno e estable, dado que estos cortes están afectando seriamente ao funcionamento das administracións públicas, poñendo en risco prazos administrativos, o traballo do persoal municipal e a atención á cidadanía, conclúen.

