- Consideran que o presidente galego é o único con capacidade para «falar de maneira directa» coa entidade financeira
Os rexedores de Zas, Vimianzo e A Baña volveron a reiterar a súa vontade de manter unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para evitar o peche das sucursais de Abanca no rural, onde este mércores se realizaron por última vez servizos presenciais. O pasado 13 de agosto solicitaron formalmente un encontro co líder autonómico sen recibir aínda unha resposta.
«Cremos imprescindible falar presencialmente co presidente da Xunta para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións», destacaron os alcaldes, ao considerar que o presidente é o único con capacidade para «falar de maneira directa» coa entidade sen esquecer que «ten unha responsabilidade moral dado o goberno do PP sanou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns».
Manuel Muíño, Mónica Rodríguez e José Antonio Pereira entregaron esta semana na Coruña 5.500 sinaturas da veciñanza contra esta medida que afectará a unhas 10.000 persoas.