Os alumnos do colexio Manuela Rial de Cee, concienciados co medio ambiente


Este martes os alumnos e alumnas de 5º de primaria do colexio ceense Manuela Rial levaron a cabo unha xornada de limpeza de praias, a favor da concienciación sobre a redución de plásticos.

Son varios os motivos polos que os alumnos deste colexio decidiron dar un paso adiante para limpar a praia da Concha, no municipio ceense. Un deles, segundo explica unha das mestras que levou a cabo esta iniciativa, Alba Vieites, foi a conmemoración do Día Mundial dos Océanos, que se celebrou o pasado 8 de xuño. Tamén viron que os rapaces se motivaban co proxecto ao poder participar no challenge “Trashtag”, un reto viral moi coñecido grazas ás redes sociais e que consiste en elixir unha praia, montaña ou calquera paisaxe danada pola contaminación humana, quitarlle unha foto e recoller todo o lixo. Ademais, o centro está levando a cabo un proxecto relacionado coa reciclaxe e co desenvolvemento sostible, enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, o cal desenvolven durante todo o curso de xeito interdisciplinar e competencial en todas as áreas.

En total participaron 32 rapaces e 2 mestras, as cales ven unha nova xeración con moitas ganas de cambiar a sociedade e de salvar ao planeta. Manifestaron que os pequenos están tan concienciados que mesmo crearon brigadas de reciclaxe para fomentar esta actividade durante as horas de recreo, así coma unha parodia da canción Calma, de Pedro Capó, a cal poden escoitar neste enlace.