Os amantes do teatro contan os días para a estrea do “FIOT en pausa”

Presentación Fiot en pausa. Alberto Sueiro & Evencio Ferrero._ Cedida.

  • A venda de entradas abrirase o vindeiro luns, 5 de outubro, ás 10.00 horas

O Festival Internacional Outono de Teatro, que este ano celebrará a súa 29ª edición a través de varios espectáculos baixo o nome de FIOT en pausa está cada vez máis preto. A programación teatral celebrarase entre os días 9 e 18 de outubro en Carballo e contará con propostas como Curva España, A lingua das bolboretas, A xente 2.0, Liberto ou Prostitución. A venda de entradas abrirase o vindeiro luns, 5 de outubro, ás 10.00 horas.

En cumprimento dos protocolos de prevención da Covid-19 de redución de butacas nos recintos culturais, a organización limitará as reservas ou compra de entradas a dúas por persoa, e levará a cabo o proceso de venda de entradas para os espectáculos de pago (a través de ataquilla.com) en dúas fases, co obxectivo de garantir que o sistema se adapte ás normativas sanitarias vixentes no momento no que se leve a cabo a programación escénica.

A entrada para as estreas da ficción sonora A lúa, válvula de spray e da performance Live será de balde pero haberá que facer unha reserva previa vía mensaxe de Whatsapp no 604 008 235; mentres que para as funcións do Certame Metro Cadrado a praza reservarase a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com.