- Un bar de Sofán en Carballo, un restaurante de Zas e unha cervexaría de Arteixo, foron os últimos locais elixidos polos ladróns para tentar levar un suculento botín.
Tras os sucesos acontecidos a semana pasada nunha cervexaría en Pazos, Ponteceso, A Arboleda en Coristanco ou a cafetería Asteria en Caión, os amigos do alleo seguen empeñados en render o pánico entre os locais de hostalería da zona. Os feitos suceden case sempre do mesmo xeito, adoitan achegarse dúas persoas nun coche máis ou menos á hora do peche, cando hai pouca clientela ou cando o local xa está pechado, e aproveitan para intimidar ao persoal ou aos donos e se poden arramplan con todo o que cren que pode levar diñeiro, caixas rexistradoras, caixóns de cobranza, de máquinas de tabaco ou tamén dos comecartos.
Este venres tocoulle a quenda ao Café Bar San Adrián da Piña na carballesa parroquia de Sofán, onde dous individuos armados con barras de ferro irromperon no local á hora de peche a golpes con todo o que se lles poñía diante, ferindo os propietarios do bar que se atopaban dentro e que chegaron a necesitar asistencia médica, no seu empeño por defender a súa propiedade. Acto seguido uns descoñecidos romperon unha porta lateral para acceder ao interior da cervexaría Ó Sampaio en Vilarodís, Arteixo, onde un empregado que se atopaba realizando labores de mantemento no interior deu a voz de alarma. Un par de horas máis tarde tocoulle a quenda do roubo ao restaurante Tívoli en Zas, de onde levaron a caixa rexistradora. A Garda Civil investiga se puidese tratarse dos mesmos «cacos», que en principio sempre son dous ou tres os que actúan de forma coordinada.