Os apicultores e os veciños de Carballo únense ao concello na loita contra a velutina

Campaña de trampeo contra as velutinas_Cedida

  • Este luns comezou unha intensa campaña de tres meses de duración para intentar atrapar o maior número de raíñas posible

Coa captura das primeiras raíñas do ano comezan tres meses claves para a loita contra a praga de velutina e un ano máis, o Concello de Carballo volve a contar coa colaboración de apicultores, produtores de froita e veciñanza en xeral para levar a cabo un trampeo o máis amplo e intenso posible.

A campaña, cuxo obxectivo é reducir o número de niños, arrincou este luns cunha xuntanza na que participaron varias das persoas que veñen colaborando ano tras ano co Servizo Municipal de Control de Pragas, que serán as encargadas de colocar as trampas e realizar o seguimento das capturas nas distintas parroquias. Calquera veciño ou veciña que queira sumarse só ten que pasar polas oficinas de Plaguiber (rúa Brasil, número 27, baixo) a recoller a trampa, o líquido atraínte e a folla de control.

O Servizo Municipal de Control de Pragas contou o ano pasado coa colaboración de 58 persoas, o que permitiu colocar 737 trampas e capturar 12.511 raíñas. O responsable do servizo, Isidro Rodríguez sinalou que a campaña de trampeo tamén permite coñecer mellor a estes insectos, que no municipio carballés “entran pola férveda, Aldemunde e Razo-Baldaio”.

No acto de hoxe tamén estivo presente o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, quen aclarou que para este mércores ás 12:00 horas está previsto realizar o reparto de kits antivelutina para emerxencias a todos os servizos municipais susceptibles de ter que utilizalo, como Policía Local, Protección Civil ou Brigada Municipal de Obras, entre outros. O obxectivo é aumentar a protección dos/as traballadores/as, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.