Os artesáns da II Mostra do Encaixe comezan a vender os seus produtos a través das redes sociais

1 minutes read
  • Estes produtos contan con ofertas especiais ata o domingo 4 de abril

Este luns, o Concello de Camariñas deu o pistoletazo de saída á súa gran Mostra do Encaixe virtual. O obxectivo principal desta segunda edición en liña, debido á pandemia da Covid-19, é comercializar o encaixe a través dos produtos dos artesáns da zona, que xa comezaron a difundir os seus traballos este martes a través das redes sociais. Trátase de ofertas especiais con motivo da Semana Santa, data na que este evento cultural se celebra en Camariñas desde fai trinta anos, que durarán ata o domingo 4 de abril.

Os 12 postos que participan nesta edición son: Arte en palla, Asociación Puntillas, Asociación Rendas, Bolillos, Encaixes Arjomil, Encaixes Gelina, Encaixes Lucita, Fiando Miudo, Jataparda, Miñamena, Nemanquiñas e Recanto do Encaixe.

Na páxina de Facebook da Mostra do Encaixe de Camariñas, e tamén na súa páxina web, explícanse os produtos ofertados acompañados de fotografías. Ademais, cada unha das tendas aporta diferentes métodos de pago e formas de envío para facer máis sinxela a compra.

Sombreiro con encaixe

Inauguración da exposición ‘Palilleiras: presente e futuro’

Este mércores, a partir das 11:00 horas, inaugurarase na praza da Insuela da localidade a exposición ‘Palilleiras: presente e futuro’. Trátase dunha pequena homenaxe ao labor e esforzo das palilleiras que, xeración tras xeración, fan do Encaixe de Camariñas unha arte única no mundo. As fotografías dos 22 tótems que se instalarán forman parte dun proxecto realizado en decembro de 2019 pola fotógrafa Ana García. Está previsto que a mostra permaneza na praza ata o mes de outubro.