- Desde a Federación de Autónomos de Galicia cualifican de nefasta e ineficaz a xestión do Executivo.
Acábanse de coñecer os datos de afiliación á Seguridade correspondentes ao último día de marzo, publicados polo Ministerio de Seguridade Social e Migracións, e que arroxan un total de 18.445.436 afiliados, 833.977 menos que o último día de febreiro. No Réxime de Autónomos perdéronse 35.987 Autónomos, que xa se quedaron no camiño desta crise. En Galicia, finalizamos o mes con 207.163 Autónomos, 1.134 menos que o mes anterior. Por provincias, A Coruña segue liderando a cifra de Autónomos, con 84.151 Autónomos; séguelle Pontevedra, con 66.257; a continuación, Lugo, alcanza a cifra de 33.417 Autónomos e pecha Ourense, con apenas 23.337 Autónomos. Mentres tanto, o goberno segue negándose a tomar as medidas que necesita o colectivo, e que non son outras que a supresión de impostos e custos sociais, mentres dura o parón da actividade xerado polo estado de alarma, ademais de axudas directas para os custos fixos que manteñen empresas e Autónomos e plans de recuperación para a reactivación da actividade.
O goberno acaba de aprobar o atraso do pago dos impostos do trimestre aos que teñen que facer fronte os Autónomos, ata o 20 de maio. Ademais da indecencia de ter en albas durante días a miles de autónomos, sen saber como demos ían facer fronte a eses pagos, desde FEAGA, preguntámonos de onde pensa o goberno que pemes e autónomos van sacar o diñeiro para pagar o 20 de maio, se continúa, como parece, o confinamento e non poden ingresar. O Goberno segue tomando o pelo aos cidadáns, sobre todo aos autónomos, porque tampouco están a funcionar os avais, moitos ERTES están a denegarse aos Autónomos por motivos peregrinos e as axudas en forma de prestación por cesamento de actividade, así como os salarios dos traballadores, na súa maioría terán que esperar a maio para cobrar. En cambio, as cotas ou os alugueres non se hibernan, o goberno cobrou a cota de marzo a todos os Autónomos e se ninguén o remedia, o mesmo sucederá coa de abril.
No medio desta nefasta e ineficaz xestión sobre como abordar a crise económica que deriva da crise sanitaria, as previsións do FMI para a economía española en 2020, falan dunha caída do PIB do 8% e un aumento do paro ata o 20,8% da poboación activa, é dicir uns 5 millóns de parados. En canto aos Autónomos, pódense chegar a perder un 40% dos Autónomos, se non máis. Os Autónomos pedimos ao goberno que, dunha vez, deixe de dar paus de cego e atenda as xustas reivindicacións do colectivo nesta pandemia sanitaria e económica, e atenda ás nosas necesidades, porque se non o fai, o escenario, xa de seu grave, será definitivamente negro.