Os autónomos poden solicitar as axudas para o inicio de actividade e a contratación indefinida

2 minutes read

As persoas autónomas interesadas en fornecer ou impulsar o crecemento da súa empresa terán ata o 30 de setembro para solicitar as axudas destinadas a impulsar o emprego autónomo e apoiar a consolidación do xa existente, que contan cun orzamento de 12,2 millóns de euros. Trátase dun programa que acolle dúas liñas de financiamento. A previsión do Goberno galego é poder beneficiar a 3.000 autónomos e 90 empresas a través desta iniciativa.

Por unha banda, co obxectivo de facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, invístense 11,2 millóns de euros. Esta liña de financiamento establece incentivos de 2.000 euros para apoiar o inicio da actividade dos autónomos, duplicándose a contía ata os 4.000 euros para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. As contías poden incrementarse nun 25% no caso do que os beneficiarios sexan mulleres, emigrantes retornados, persoas maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea emprazada nun concello rural, entre outros supostos. Así, as axudas máximas poden alcanzar os 10.000 euros.

Poden optar a estas axudas as persoas dadas de alta no Reta, noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. É preciso ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da axuda e que se desenvolva en Galicia, entre outros requisitos.

Inclúense, asemade, axudas para que os autónomos poidan contratar de xeito indefinido a persoal traballador. Así, para a primeira persoa contratada indefinida, as axudas van desde os 4.000 euros aos 6.500 nos casos de parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Para incorporar á segunda e terceira persoa traballadora indefinida, a axuda irá desde os 6.500 euros ata os 9.000 euros. Estes apoios poden incrementarse nun 25% nos mesmos supostos que no programa de impulso ao emprego autónomo. Estas axudas poden alcanzar os 22.500 euros e, ademais, ponse en marcha por segundo ano o bono formación, que inclúe 4.000 euros por persoa contratada, sendo compatible co bono contratación.