As asociacións de autónomos volveron a advertir ao Goberno da situación que viven nestes momentos un colectivo de máis de 3,2 millóns de traballadores e a lanzar un SOS sobre a súa situación económica ao límite.
Dende que se decretou o estado de alarma, os autónomos, moitos cos negocios pechados, levan reclamando que se lles suspenda o pago das cotas á Seguridade Social. Pero o Goberno respóndelles con outras dúas medidas: permitíndolles que paguen máis tarde ou avalándolles créditos bancarios.
O presidente de ATA, Lorenzo Amor, lanzou a través das redes sociais un “SOS desesperado” ao Goberno para que suspenda non só o pago de cotizacións de marzo, senón tamén as de abril e que se aprace ao seguinte trimestre -ata o mes de xullo- o pago de impostos de xaneiro a marzo.
O Goberno mantén todo o calendario fiscal e isto obriga os autónomos, por exemplo, a presentar antes do vinte de abril a declaración trimestral do IVE. Moitos tramítana en xestorías, ás que levan, fisicamente, todo o papeleo. Agora, están desbordadas e piden tamén flexibilidade nos prazos. Os xestores administrativos piden, cando menos, unha moratoria dun mes.