Vivimos un drama, camiño dunha traxedia. Os datos facilitados este mércores polo Ministerio de Inclusión revelan o sufrimento e a agonía do tecido empresarial, que en Galicia como en España está constituído maioritariamente por Autónomos e pemes.
En Galicia, perdéronse en novembro 2.134 afiliados, e nun ano, perdéronse 13.706.
En canto ao Réxime de Autónomos, en cifras netas, perdéronse 1.219 no último ano. Os Autónomos resisten heroicamente, pero o fin de ano pode ser tráxico. Por sectores, a hostalería continúa o seu particular “via crucis” e perde 3.152 activos nun mes, debido á crise xeral agravada polas medidas de peches, limitacións de mobilidade e toques de queda. Outros sectores moi castigados son o comercio, a industria manufactureira, e como non, o lecer, os eventos, feiras, actividades de tempada, que nalgúns casos non puideron facturar nin un só euro neste ano 2.020, fotografía, cultura (escolas e academias de danza, música ou baile, por exemplo, o turismo…
Mentres os Autónomos deféndense como poden e resisten, a maquinaria do Estado tritúraos de maneira inmisericorde; só neste pasado novembro, tiveron que padecer o incremento das cotas da seguridade social, máis o pago do aprazamento de impostos concedido no primeiro estado de alarma, máis o primeiro pago das cotas aprazadas de Autónomos, aqueles que o solicitaron no pasado mes de maio. Un auténtico inferno fiscal, que os Autónomos tiveron que acometer, nun escenario de escaso consumo, menor demanda interna, restricións ou prohibicións de apertura, toques de queda, peches perimetrais e limitacións de mobilidade.
Os Autónomos, unha vez máis, instan as Administracións a elaborar urxentemente un auténtico plan de emerxencia que garanta a súa supervivencia.