‘Os Benfeito e os ODS’ achegarán á Coruña hábitos respetuosos co medio ambiente

Unha das ilustracións da exposición 'Os Benfeito e os ODS'_Cedida pola UCGAL

  • A mostra poderá visitarse no Centro Cívico San Diego desde este martes ata o luns 10

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Mercadona levan a exposición Os Benfeito e os ODS á cidade da Coruña, tras presentarse por primeira vez o pasado mes de decembro en Ourense. Trátase dunha mostra coa que ámbalas dúas entidades buscan achegar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) á cidadanía co propósito de concienciar sobre a importancia de adoptar hábitos respectuosos co medio ambiente, desde a aposta polo produto local ata a reciclaxe.

A exposición está composta por oito ilustracións, elaboradas polo debuxante Marcos García Rodríguez e protagonizadas pola familia Benfeito. Os Benfeito é unha ferramenta deseñada pola UCGAL para a difusión de mensaxes que desde a asociación, por si mesma ou en colaboración con outras entidades, se lle queren transmitir á sociedade, atendendo sempre á diversidade do público.

A exposición poderá visitarse desde este martes ata o 10 de febreiro no Centro Cívico San Diego e nos vindeiros meses tamén poderá gozarse noutras vilas da comunidade.